12/01/2018
UUAA PIDE UNHA ESTRATEXIA CONTRA O ABANDONO NO RIBEIRO
Hoxe instou ao Consello Regulador a actuar contra o declive da DO
Ribadavia, 12 de xaneiro de 2018.- O sindicato Unións Agrarias vén de presentar hoxe no rexistro do CRDO Ribeiro un escrito no que se insta ao pleno a actuar de xeito decido contra do declive da Denominación de Orixe. Nesta proposta, os vogais de UUAA Carlos Basalo Vidal e Wenceslao Labrador Guntín, poñen de manifesto que, nos últimos anos estase a producir un abandono moi importante das viñas, polo que cada ano, quedan menos hectáreas de viñedo e menos viticultores.
Dende Unions Agrarias, insístese en solucionar este problema que como non se atalle, porase en risco a viabilidade da produción de viño no Ribeiro. Para iso é preciso actuar en dúas liñas, a falta de rendibilidade da venta de uvas, a falta de relevo xeracional e o minifundismo das parcelas.
Capítulo parte merece a falta de apoio por parte das administracións ós nosos viticultores (Consello Regulador, Xunta de Galicia, Deputación e Concellos), que non amosan a sensibilidade necesaria cara un sector fundamental na ordenación do territorio, a diversificación económica e o freo a desertización do rural ourensá.
Neste contexto a organización agraria, solicita a posta en marcha dun plan estratéxico para esta Denominación, referenciado á viticultura para marcar o camiño a seguir polos viticultores, e que así poidan acometer a reestruturación necesaria nas súas explotacións. Tamén se pide á Consellería do Medio Rural, un plan específico de incorporación de mozos a viticultura, xa que a axuda de incorporación que existe na actualidade, non se adecúa o sector vitivinícola desta denominación.
Finalmente, desde UUAA póñese de manifesto a importancia de abrir un plan mobilidade de terras e dereitos dentro da Denominación de Orixe, para que os xoves que se incorporen teñan acceso a viñas abandonadas para a súa explotación. Remata o escrito facendo un chamamento á Consellería, para que convoque a Mesa do viño para establecer contratos homologados a medio e largo prazo, para dar estabilidade o sector e cambiar a dinámica de abandono que esta a sufrir.
|
|