05/03/2018
UUAA DENUNCIA DE NOVO A LEITE FRIXIA POR VENDA A PERDAS
Leva ante as Consellerías de Medio rural e Economía as probas da fraude
Santiago, 05 de marzo de 2018.- A organización Unións Agrarias, ven de presentar diante das Consellerías de Medio Rural e de Economía un expediente de denuncia contra Leite Frixia, o igual que xa fixera en agosto de 2016, por promover a venda a perdas en punto de distribución.
O sindicato, que tamén levará a denuncia diante do Consello Galego da Competencia, estima completamente fraudulenta a oferta que se fai a maioristas da distribución por medio dunha carta comercial, de leite desnatada a 36 cts. UUAA detectou varias ofertas de leite a da citada marca Frixia nos departamentos de compras de supermercados de diversas cadeas o que contravén o Protocolo de Banalización aprobado no marco do Acordo Lácteo para evitar o uso do leite como produto reclamo e para poñer freo a este modelo de actuación comercial completamente tóxico para a supervivencia do sector lácteo.
O Protocolo de Banalización forma parte dos acordo lácteo de setembro de 2015 e de acordos posteriores dentro da interprofesional láctea, para mellorar o funcionamento da cadea de valor do leite e evitar a venta de leite a prezos moi por debaixo do considerado prezo sostible, que poñan en perigo os elos máis febles da cadea.
A organización agraria esixe unha vez máis as administracións que vaian máis alá das grandes declaracións de apoio o sector e que faga o seu traballo de fiscalización destas actitudes comerciais devastadoras para a formación dunha cadea de valor para o leite, xusta. UUAA vai a manter unha actitude vixiante nos distintos centros comercias para denunciar publicamente a aqueles que atentan contra a dignidade dos produtores lácteos de Galicia.
|